Thursday 19 de September de 2024

Galiza Nova Barbanza, encara a recta final da campaña “QUEREMOS MOBILIDADE PARA A NOSA MOCIDADE”


Galiza Nova Barbanza, encara a recta final da campaña “QUEREMOS MOBILIDADE PARA A NOSA MOCIDADE”, iniciada o domingo 11 de agosto, e que concluirá a inicios de setembro coa entrega de todas as sinaturas recolleitas durante estas semanas por todos os concellos da comarca ante a xerencia da Xunta de Galiza.

Con esta campaña de recollida de sinaturas, pretendemos esixirlle a Monbus e á Xunta a posta en marcha, así como tamén a súa inclusión na vindeira licitación do servizo, dunha liña de bus que conecte o Barbanza coa estación de ferrocarril de Catoira.

A proposta de Galiza Nova, nun primeiro momento, consistiría nunha liña de reforzo as fins de semana que nos permitiría voltar ás nosas casas o venres (Catoira – Ribeira; saídas ás 19:45 e ás 22:00) e ir ao noso lugar de estudo ou traballo o domingo (Ribeira – Catoira; saídas ás 15:30 e ás 18:30), sen depender de ninguén!

Propoñemos paradas en Ribeira (Estación de Autobuses), A Pobra (Estación de Autobuses), Boiro (Praza do Concello) e Rianxo (Parada Setefogas) ata Catoira (Estación de Ferrocarril). Incidimos en que é unha proposta para dar inicio a unha liña de bus inexistente ata o momento e que, en función dos usuarios da mesma, sería cuestión posteriormente de ampliar paradas e horarios de saída.

Concluímos agradecendo, aos centos de persoas que levan asinado esta proposta ata o momento, o que demostra a gran acollida que está tendo por parte da veciñanza do Barbanza. Só queremos movernos con autonomía e total liberdade polo país e dispoñer dun transporte público, sostible e de calidade.

Por un país conectado, no que cada concello conta!